Skip to content

Hackfeteira Recuncho

Rafa Couto edited this page Jun 14, 2016 · 2 revisions

Hackfeteira Recuncho

Cousas do destino, caíu nas nosas mans unha cafeteira estragada. Convertímola nunha fonte de aprendizaxe e posta de ideas en común onde o que menos importaba é que fixera café. Que argallamos no Recuncho Maker cunha cafeteira que estaba condanada a morrer nun punto limpo?

Fagor CG-414-D

Primeira consulta

Moi mona ela, trátase dunha Fagor modelo CG-414-D. Ten un display cun reloxo e uns botóns para acendela e programarlle canto tempo se quere tela prendida para manter o café quente. O problema é que non dá síntomas de vida: o display non indica nada e premendo o pulsador de on/off non se acende.

Os doadores (grazas familia Álvarez-Castro ;) din que non compensaba amañala polo prezo do servizo técnico e non puideron abrila porque ten uns parafusos pouco comúns, deses que poñen para que non fochiques nas tripas...

Parafuso tocapelotas

Neste punto, dende Recuncho Maker, queremos dicir que o fabricante debería desistir de tratar aos consumidores como simples adictos ao café que non saben cambiar un fusible.

De paso, lembrar tamén aos consumidores que no momento de mercar un produto valoren aos fabricantes que ofrecen tecnoloxías máis abertas e ben documentadas sobre os fabricantes que fan do seu servizo técnico a fonte principal de ingresos.

Diagnose técnica

Tras conseguir o desparafusador triangular especial accedimos ao seu interior onde se nos mostrou unha cafeteira controlada por unha electrónica composta por unha placa que manexa a potencia e outra cun microcontrolador que manexa o display e botóns frontais.

Electrónica que manexa a cafeteira

É unha evolución interesante das cafeteiras eléctricas de toda a vida que incorpora unha electrónica para manexar o acendido e apagado de xeito programado e así evitar que se nos esqueza apagala (nunca vos quedou a dúbida ao sair da casa?).

A avaría e a súa solución

Analizando compoñente a compoñente da placa e probando co polímetro, detectouse que unha resistencia ofrecía resistencia infinita cando nas súas bandas indica que é de 5,1Ω

Resistencia queimada

Todo foi cambiar a resistencia danada por unha nova. Nada máis conectala á corrente, a cafeteira tomou vida e acendeu o display. De seguido premimos o botón on/off ao lado do display e acendeu perfectamente e quentou a base de manter quente a xarra. Funciona!

Resistencia reparada

De cafeteira a hackfeteira

Pero... para que queremos unha simple cafeteira no Recuncho Maker? Que podemos facer, a máis de rico café? No noso espírito sempre tratamos de amosar a nosa creatividade e poñer a proba as nosas habelencias!

A idea base é tomar o control da cafeteira e ampliar a interacción mediante sensores e actuadores. A funcionalidade pode ir dende a simple telemetría da IoT ata onde alcance a imaxinación de cada un.

Examinamos como funcionaba o control pola electrónica do microcontrolador e escollimos uns puntos no circuito para simular o acendido por pulsación do botón e detección de acendido para saber cando se prende manualmente.

Intervención de circuito para o seu control

Partimos da opción de incorporarlle o microcontrolador ESP8266 para facer de sistema lapa e conectalo á rede wifi local e de aí á Internet. É unha solución moi barata (uns 3 €) á vez que potente polas súas características de procesador, memoria e conectividade wifi.

Logo de brainstorming duro (e ás veces tolo), os recuncheiros propuxeron os seguintes...

Posibles hacks

  • Acendido e apagado controlado: é a operativa máis básica ofrece apagado por seguridade (automático logo dun tempo prudencial de uso) e control da cafeteira dende servizos remotos.

  • Optimizado de consumo de electricidade: danos a posibilidade de optimizar a enerxía que gasta en tirar o café e manter a xarra quente, pois non é a mesma enerxía necesaria para facer ferver o auga que para manter o café quente.

  • Cafetada a fondo perdido: o sensor no fondo do depósito de auga detectaría cando rematou de facer café e pode avisar do feito cunha notificación sonora e mesmo comunicalo a un enderezo URL de Internet.

  • Carga de auga automática: en función das racións de café a facer e coa axuda dunha electroválvula conectada a unha toma de auga externa pódese encher o depósito co auga xusta para as racións seleccionadas. O depósito non criaría algas porque só se enche para facer café.

  • Telemetría da actividade: notificar a un sistema remoto as marcas de tempo de acendido e apagado xenera información que é de interese para inferir a enerxía consumida, cafés e auga subministrados, horas de preferencia para o café... Inventamos o Coffee Bigdata!

  • Feedback do consumidor: logo de facer e disfrutar do café, o usuario pode valorar se foi un bo ou mal café e así poder dicir, entre outros, a marca de café gusta máis. Tamén pode avisar se fai falla repoñer algún subministro (leite, edulcorante, etc).

  • ...